A subdelegada do Goberno recibe ao novo director do SEPE en Lugo
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, deu a benvida ao novo director do Servizo Público de Emprego Estatal na provincia, Andrés Ibáñez Ramos, destacando os bos datos de desemprego que rexistra Lugo, con 321 desempregados menos que en febreiro, a maior baixada do paro de Galicia.
O edificio da Subdelegación acolleu o encontro no que intercambiaron impresións e información sobre o funcionamento das oficinas na provincia de Lugo, compartindo a efectividade das políticas públicas de emprego do Goberno en canto á redución do paro e á necesidade da protección social das prestacións. “A aposta do Goberno por Lugo é evidente e necesaria, posto que as tramitacións das prestacións por desemprego suman na provincia unha contía anual de 109 millóns de euros, o que significa un gran volume de xestións e require dunha atención e contacto permanente coas persoas”.
A subdelegada felicitou ao novo director tras o ascenso da anterior responsable, Estefanía Pita, que agora coordina este organismo en todo o territorio galego. “Estou convencida de que fará un gran labor, ao igual que a súa antecesora, pois a carga de traballo diario das oficinas do SEPE require de profesionais eficientes e comprometidos, e a verdade é que temos a sorte de contar cun equipo de traballadores e traballadoras implicados que agora terán un director que marque a folla de ruta pensando sempre na mellora deste servizo público indispensable para a cidadanía”, afirmou a subdelegada.