A subdelegada subliña o compromiso coa reinserción nas cárceres de Bonxe e Monterroso

LugoXa | TerraChaXa
Institucións Penitenciarias concedeu este ano 42 condecoracións a persoas e colectivos lucenses pola súa contribución e apoio
funcionarios-instituciones-penitenciarias
25 sep 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu os actos organizados con motivo da celebración do Día da Merced, patroa das Institucións Penitenciarias, nos que se salientou o traballo de 42 persoas da provincia a través de medallas ao mérito e mencións honoríficas. Durante a súa intervención, Rodríguez recoñeceu a importancia do labor que desempeñan estes traballadores para garantir non só a custodia, senón tamén a reintegración das persoas privadas de liberdade.

No acto, que contou coa participación da alcaldesa de Lugo e os alcaldes de Monterroso e Outeiro de Rei, así como os directores dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso, a subdelegada eloxiou o esforzo e a dedicación do persoal dos dous centros da provincia, poñendo en valor o papel de funcionarios de vixilancia, educadores, psicólogos, traballadores sociais e persoal sanitario. Así mesmo indicou que “o seu labor contribúe directamente á reinserción dos internos, proporcionándolles as ferramentas necesarias para unha segunda oportunidade na sociedade”.

A subdelegada do Goberno engadiu que “os representantes da sociedade lucense que nos xuntamos hoxe aquí para celebrar con vós a festividade da vosa patroa, queremos dar testemuña pública da gratitude que sentimos polo traballo que realizades, e que redunda en beneficio de todos os veciños e veciñas de Lugo”. Neste senso, remarcou que “máis alá da vixilancia, estes centros apostan pola dignidade humana e a rehabilitación, principios fundamentais dun sistema de xustiza que cre na capacidade do ser humano para cambiar e mellorar”.

Isabel Rodríguez tamén aproveitou a ocasión para expresar, en nome do Goberno, o seu agradecemento pola profesionalidade e entrega dos traballadores e traballadoras. Así mesmo, reiterou o compromiso do Executivo de continuar traballando para mellorar as condicións laborais e fomentar a cooperación entre institucións, sociedade e o sistema penal para alcanzar o éxito na reinserción social.

Condecoracións

Durante a celebración fíxose entrega de varias condecoracións e recoñecementos ao persoal dos Centros de Bonxe e Monterroso, comezando coa Medalla de Plata ao Mérito Penitenciario, que se concedeu ao xefe de servizos médicos de Bonxe, Álvaro Tomé Cortón; o médico de Bonxe (a título póstumo), José Manuel López Seoane; e a pedagoga de Monterroso Mª Carmen Guitiérrez Trujillo. A Medalla de Bronce ao Mérito Penitenciario foi entregada a Francisco Javier Rodríguez González, axudante do servizo interior de Bonxe.

No que atinxe ás Medallas de Mérito Social Penitenciario, recibiu a de prata o presidente da Cruz Vermella, Luis Abelleira Mayor; e as de bronce Juan José Alonso Pereira, electricista de Clece; José Antonio Pumariño Paz, fontanero de Clece; e Noel Ferreiro Sampayo, técnico da empresa de mantemento.

As Mencións Honoríficas recaeron en mans de José Javier Villas Pedruelo, monitor ocupacional de Bonxe; Mª Isabel Val López, e Manuel González González, das oficinas xerais de Bonxe; Marco Antonio Martín López, coordinaro de produción en Bonxe; Imanol Corredoira Rebolo e Fernando Pérez Arias, do corpo de axudantes de Monterroso. Outro dos méritos recoñecidos foron os 25 anos de servizo outorgados a Miguel Rodríguez López, Mary Cielo Gallardo Novas e Silvia Almoedo Rodríguez, así como a outros 10 funcionarios de Bonxe e 15 de Monterroso.

0.20628881454468