A sustentabilidade no agro e na gandaría protagoniza un novo relatorio na Escola Politécnica Superior

LugoXa
‘Agricultura e sustentabilidade: vellos e novos camiños’ é o título do coloquio que se desenvolverá este xoves, a partir das 19.
29 Feb 2024

‘Agricultura e sustentabilidade: vellos e novos camiños’ é o título do coloquio que se desenvolverá este xoves, a partir das 19.30 horas, na cafetería da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, no marco dos Encontros de Lúa Chea, tal e como se denomina o ciclo de faladoiros sobre cuestións de actualidade promovido polo colectivo universitario Proxéctate en Galego.

A sesión afondará sobre a sustentabilidade nas producións agrarias e gandeiras, así como respecto das súas implicacións, dificultades e mesmo dos camiños que conectan estes dous sectores produtivos. As actividades agrarias e gandeiras levan asociadas un conxunto de prácticas que supoñen o manexo e a modificación directa e indirecta do medio en que se desenvolven.  Ao longo do tempo cambian as prácticas, cambian as características e a conformación dos espazos agrarios e gandeiros e mudan tamén as interaccións que se establecen co exterior deles.

As transformacións experimentadas neste eido centrarán as intervencións dos relatores convidados, labregos e gandeiros como é o caso de Aitor Lata, fundador canda seu irmán da cooperativa Labrecos , e Víctor Boga, xestor da granxa ecolóxica Millo e Landras. Na súa intervención, Latas falará do día a día da cooperativa de traballo asociado centrada na produción de horta e granxa ecolóxica, unha iniciativa con enfoque rexenerativo e circular que trata de completar o proceso produtivo sen fertilizantes. Do mesmo xeito, Boga falará das singularidades de Millo e Landras, unha granxa que diversifica a súa produción hortícola e gandeira cara ao voluntariado e a formación.

0.059818983078003