TVE estrea un documental sobre as sete vías do Camiño que pasan pola provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación estrea este sábado en La 2 de TVE o seu documental sobre os Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo
documental camino primitivos lugo
2 Dec 2022

O primeiro pase emitirase este 3 de decembro ás 12 da mañá. Logo, durante tres anos, pasará á grella da canle da televisión pública española para a súa difusión en diferentes días da semana e horarios, incluíndo os de prime time.

A Deputación de Lugo estrea este sábado 3 de decembro na Televisión Española 820 Km. Las siete vías de peregrinación por la provincia de Lugo, un documental impulsado pola institución provincial para dar a coñecer a riqueza e os recursos turísticos da provincia, a que conta cun maior número de quilómetros de rutas xacobeas de toda España.

A produción, dirixida polo lucense Jaime Pardo Valdés, emitirase dentro da programación matinal na canle de La 2 da TVE, ás 12 da mañá. Será a primeira emisión da producción que pasará a formar parte por un período de tres anos da grella da cadea pública para vindeiras difusións, en diferentes días da semana e horarios, incluíndo as franxas de prime time. Tamén se emitirá no canal internacional da TVE, e estará dispoñible á carta na plataforma da compañía de Radio Televisión Española.

A través de 820 km de peregrinación, o historiador e arqueólogo Javier Gómez Vila e o fotógrafo Xosé Reigosa convidan a percorrer o rico e variado patrimonio dos camiños lucenses a través das súas xentes e as súas paisaxes. Ademais de pasar polas rutas declaradas Patrimonio da Humanidade -o Camiño Francés, o do Norte e o Primitivo-, ou polo Camiño de Inverno, os protagonistas amosan na súa viaxe outras rutas que aspiran ao recoñecemento oficial de vías de peregrinación a Santiago, como son a Vía Künig, o Camiño do Mar, e a Vía Regia.

Proxección da provincia

O documental sobre os Camiños de Santiago forma parte dunha serie de tres producións audiovisuais, cunha duración de 50 minutos cada unha, impulsadas pola Deputación co obxectivo de promocionar a provincia, dentro da aposta da institución por un modelo de turismo sostible, de calidade e de experiencias, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano e que deixa valor no territorio en termos económicos e de emprego.

A gastronomía na provincia de Lugo, coa presenza de profesionales da Asociación de Cociñeiros da Provincia; e Rutas científicas pola provincia de Lugo, que percorre a Serra do Xistral, o Xeoparque Montañas do Courel ou as xeorrutas pola costa Cantábrica, son as temáticas dos outros dous traballos audiovisuais que se emitirán na televisión pública.

0.10170888900757