A tenda Primark instalarase no centro comercial As Termas de Lugo o ano que vén
O Goberno local de Lugo, baixo a representación do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo unha reunión co equipo responsable de recursos humanos en España da compañía Primark, durante a súa primeira visita a Lugo de cara á posta en marcha do seu primeiro establecemento na cidade ao longo do vindeiro ano no centro comercial As Termas.
Durante o encontro, no que participaron a directora de recursos humanos, Juana Rodero, e os mánagers Teresa Beceiro e Luis Rocabruna, ademais dunha técnico municipal, orientadora laboral, os representantes da cadena irlandesa de roupa e complementos, expuxeron o proxecto de instalación da empresa en Lugo, que suporá a creación dun gran número de postos de traballo.
Neste senso, o concelleiro subliñou que “a próxima apertura de Primark en Lugo é unha gran noticia para a cidade, pois a chegada desta recoñecida marca internacional traerá novas oportunidades laborais, contribuíndo á creación de emprego e á dinamización económica do municipio”.
“Esta apertura é froito do traballo que levamos a cabo para atraer investimentos a Lugo que contribúan ao seu desenvolvemento e a fixar poboación”, explicou Repetto, quen dixo estar convencido de que “este novo establecemento será un punto de atracción para visitantes de toda a provincia, o que repercutirá no resto do comercio, hostalaría e servizos”.
Os representantes de Primark aproveitaron a súa visita para coñecer as instalacións do CEI Nodus, que o Concello puxo á súa disposición para levar a cabo o proceso de selección de persoal. Deste xeito, tratáronse diferentes vías de colaboración como Lugo como a cesión de espacios, formación e intermediación laboral, etc.