A Tenencia de Alcaldía de Lugo aposta por colaborar co Colexio de Arquitectos para transformar a cidade

A Tenencia de Alcaldía de Lugo anunciou que manterá diversas colaboracións co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para desenvolver as intervencións máis relevantes no proceso de transformación urbana da cidade.
Rubén Arroxo, responsable da Tenencia de Alcaldía, reuniuse coa presidenta do COAG en Lugo, Carmen Figueiras Lorenzo, e coa exconselleira de Vivenda e integrante do Consello da Unión Internacional de Arquitectos, Teresa Táboas, para abordar estes proxectos.
Arroxo destacou que “é preciso transformar e non construír Lugo, pois é unha cidade feita, con moita historia”. Engadiu que existen diversos retos para mellorar o espazo público, co obxectivo de ampliar zonas verdes e espazos peonís que faciliten a convivencia cidadá.
Entre as actuacións en marcha sinalou a renovación integral do Carril das Flores e a conexión dos parques de Rosalía e Marcos Cela mediante unha plataforma peonil, que permitirá crear unha gran senda peonil no eixo leste-oeste da cidade. En materia de mobilidade, resaltou o plan para construír a “cidade dos 5 minutos”, onde todas as persoas teñan acceso a zonas ao aire libre nun radio de cinco minutos, independentemente de onde residan.
O goberno local avanza xa con peonalizacións e ampliación de beirarrúas en barrios como Recatelo, Milagrosa, Piringalla, así como na praza do Sagrado Corazón e Fingoi de Abaixo. Tamén se está a prestar especial atención ás zonas periurbanas, como Castelo, Albeiros, Galegos, as Gándaras ou o barrio da Ponte, co fin de garantir un uso social e xusto do espazo público.