A Tenencia de Alcaldía de Lugo destinará 4.000 euros para a Feira do Libro

O Concello de Lugo mantivo unha reunión coa Federación de Librarías de Galicia para avanzar na organización da próxima Feira do Libro de Lugo.
No encontro, anunciouse que a Tenencia de Alcaldía destinará unha subvención de 4.000 euros para a celebración do evento, que, como en anos anteriores, terá lugar na Praza Maior.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, destacou a importancia deste apoio, subliñando que reafirma o compromiso do Concello coa promoción da lectura e da cultura, especialmente en lingua galega. “A Feira do Libro é unha cita imprescindible para achegar a literatura á cidadanía e fortalecer o sector do libro en Lugo, cunha especial atención ao galego”, declarou Arroxo.
Desde o Concello de Lugo valórase moi positivamente esta colaboración, xa que garante a continuidade dunha das citas culturais máis relevantes do ano. “A lectura é unha ferramenta esencial para o coñecemento, e a Feira do Libro permite destacar o papel fundamental das librarías e dos autores e autoras galegas”, engadiu Arroxo.
A Feira do Libro de Lugo, que cada ano reúne escritoras e escritores, editoriais e lectorado, continuará a ser un espazo de encontro para a cultura e a literatura. O evento seguirá promovendo especialmente a creación en galego e fomentando o hábito lector entre todas as idades.