A terceira edición das Xornadas de Arqueoloxía e Historia dos Ancares celebrarase esta fin de semana
O Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes, coa colaboración do Concello berciano de Valboa e o GDR Ancares organizan os días 15 e 16 de abril as III Xornadas de Arqueoloxía e Historia dos Ancares.
A programación dará comezo o día 15 co Románico da comarca, con visitas a varias igrexas de Becerreá e Cervantes. Ao día seguinte realizaremos unha ruta entre os castelos medievais do Bierzo de Veiga de Valcarce e Valboa.
Con estas xornadas a organización busca “chamar a atención sobre o patrimonio de época románica da comarca que, a pesares de contar con 23 igrexas e capelas deste período, continúa a ser o gran descoñecido”.
Ademais engaden que se “atopan nun estado de conservación de regular a malo, cando non en situación total de abandono, documentándose varios casos cun serio risco de perder os elementos artísticos que os caracterizan, como pinturas murais, imaxinería, esculturas”
O primeiro día rematará na igrexa de Santiago de Cereixedo, coa actuación do grupo de música antiga 1500 ás 19.00.
Ao día seguinte terá lugar a ruta que dende a primeira edición das xornadas foi bautizada como Dos tres castelos e que a organización busca “converter nunha ruta permanente entre estas emblemáticas fortalezas que, xunto coa de Doiras, en Cervantes, están situadas a ambos os lados da Serra dos Ancares”.
Dende as organizacións convocantes reservaron dous restaurantes para xantar nos concellos de Cervantes e Valboa, opcional para aquelas persoas que o desexen.
Para participar nas xornadas, sexa un ou os dous días, é necesario anotarse previamente a través dos seguintes enderezos: arqueoancares@gmail.com ou https://forms.gle/6cMsbTDVgcDVf75w7