A terceira fase do Polígono Industrial de Palas de Rei encara a súa recta final

Desde o Concello de Palas de Rei informan de que a terceira fase do Polígono Industrial de Palas de Rei encara a súa recta final co trámite da expropiación.
A Xunta de Galicia notificou aos propietarios dos terreos da terceira fase do Polígono Industrial de Palas de Rei o trámite de expropiación, en relación co listado de bens e dereitos afectados. Os diferentes propietarios tiveron a oportunidade de presentar as súias alegacións ou valoracións. Con este paso, o trámite administrativo previo á licitación e execución das obras desta fase entra na súa recta final.
O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, destaca que “a xeración de solo industrial é importantísima para o municipio, xa que esta ampliación do polígono permitirá a localización de servizos como a estación da ITV comarcal, que prestará atención aos concellos da zona".
Pese aos atrancos xurdidos á hora de determinar a titularidade dalgunha parcela, e unha vez emitida por parte do Ministerio a conexión coa N-547, encárase agora a recta final deste proxecto, que suporá un investimento no concello da Ulloa de máis de 12.000.000 euros entre a estación ITV e outros proxectos que se impulsarán unha vez urbanizados os terreos.
A súa vez, o rexedor palense trasladou os seus agradecementos á colaboración da Xunta de Galicia por impulsar esta terceira fase do polígono, "tan vital como necesaria para este concello en crecente demanda de solo industrial, facilitando a dispoñibilidade de máis metros cadrados e, con iso, o desenvolvemento empresarial na zona”.
A ampliación do polígono de Palas de Rei suporá que a localidade dispoña dunha superficie total empresarial de máis de 182.000 metros cadrados.
A fase inicial contou con 95.000 metros cadrados, aos que se sumaron 45.000 da segunda fase e agora estes 42.280,56 metros cadrados desta terceira fase.