A Tinería acollerá en outubro a novena edición das xornadas Cultura e Tradición no Camiño

A Xunta de Galicia e o Grupo Etnográfico Traxandaina presentaron hoxe a programación da novena edición das xornadas Cultura e Tradición no Camiño, que se celebrarán en Lugo entre o 5 e o 11 de outubro. O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta da entidade, Teresa Astorgano, detallaron un calendario que terá como escenarios a Oficina de Turismo e o Centro de Interpretación do Camiño, situados na rúa Miño, no barrio da Tinería, con actividades en horario de mañá e tarde.
O evento inclúe unha ampla oferta de obradoiros artesanais, patrocinados en parte por Artesanía de Galicia, nos que será preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico traxandaina@gmail.com ou do teléfono 619 744 325. Haberá talleres de cestería, tapices, cabazas, orfebrería, zoquería, téxtil, torno, alfarería e cerámica.
A programación abrirase o domingo 5 cun obradoiro de cestería e o primeiro “Filandoiro San Froilán”, que contará coa participación do director do Museo Catedralicio de Lugo, Marcos Calles, o catedrático de Arqueoloxía e presidente de Vía Künig, Javier Gómez, o historiador Adolfo de Abel Vilela, o escritor Ricardo Polín e a asociación Promonumenta de León.
O apartado musical desenvolverase de martes a venres a partir das 19:30 horas e o sábado tamén ás 18:15 no exterior da Oficina de Turismo, con concertos de cantos de cego, unha proposta didáctica sobre a muller e a tradición oral, a actuación de Fransy & Davide Salvado e a clausura a cargo das pandeiretas da asociación San Telmo de Tui.
Completan o cartel outras propostas como unha demostración de máscaras de entroido, unha mostra de fiado a man ou unha achega ao proceso do liño. En total, participarán preto dunha vintena de artesáns e asociacións culturais, convertendo a Tinería nun escaparate da tradición galega.