A Tradescola abre a matrícula para o curso 2025/2026 en Lugo

A Tradescola, o centro de ensino de música, canto e baile tradicional galego xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo, abre mañá, mércores 3 de setembro, o prazo de matrícula para o novo curso académico.
O prazo de matrícula estará aberto ata o 13 de setembro en horario de 11:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 horas nos locais do Centro Lug 2, ou ben a través do teléfono 982 22 99 66.
A oferta inclúe aulas de gaita, clarinete, zanfona, acordeón, acordeón diatónico, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, pandeiro, percusión, requinta e linguaxe musical, así como clases de conxunto e propostas específicas de iniciación á música e ao baile tradicional para os máis pequenos.
O equipo docente está formado por dez mestres e mestras de prestixio no ámbito da tradición galega: Alberte Núñez (acordeón e acordeón diatónico), Bruno Villamor (gaita e requinta), Lucía Eiros (clarinete e linguaxe musical), Xabier Iglesias (baile tradicional e iniciación á música e ao baile tradicional infantil), José Manuel López (gaita), Branca Villares (canto, pandeireta e pandeira), Roberto Rodríguez (canto e pandeireta), Germán Díaz (zanfona), Miguel Anxo López Buján (percusión tradicional) e Pedro Pascual (aulas de conxunto).
As clases impartiranse nos locais do Centro Lug 2 (Rúa Pintor Corredoira, nº 4) e no Centrad (Rúa Chantada, s/n), ambos situados en Lugo.