A Tradescola achega as tradicións de Entroido cun Folión polo centro de Lugo
A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, recuperou este martes unha das tradicións máis populares da época do Entroido. A partir das 17.30 horas levaron a cabo un Folión que partiu do Centrad e onde todos os alumnos e alumnas foron os protagonistas, xa que se encargaron de ir marcando os ritmos característicos.
Fixeron paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do Entroido. Con esta saída polo centro da cidade pretenden que todo o público lle dea a benvida ao Entroido. O percorrido que partiu do Centrad rematou na praza Maior.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade. Para conseguilo realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo da escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.