A Tradescola celebra este mércores a festa final de curso

LugoXa
Mañá, a partir das 19.30 h, Tradescola celebra o fin de curso con dous concertos de música e baile tradicional no Patio do Vello Cárcere.
concerto final de curso tradescola portada
20 Xuño 2023

Este mércores, 21 de xuño, a partir das 19.30 h,  Tradescola celebrará o fin de curso con dous concertos de música e baile tradicional que terán lugar no Patio do Vello Cárcere de Lugo. Nesta actividade actuará o alumnado adulto de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, percusión e requinta da Tradescola acompañados polos seus mestres.

Con este acto, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo, que conta coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a cesión dos locais por parte da Xunta de Galicia e do Centrad (Deputación de Lugo), e a axuda puntual da área de cultura do Concello de Lugo, inicia a recta final do curso no que participaron máis de 270 alumnos en aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais das aulas específicas para os máis pequenos.

A Asociación de Gaiteiros Galegos obtivo un balance moi positivo deste curso, no que ademais das aulas impartidas, puideronse realizar numerosas actividades de promoción e difusión da cultura tradicional tanto na cidade de Lugo como en distintas comarcas da provincia.

No último semestre, a Tradescola levou a cabo numerosas actividades como os concertos didácticos para escolares celebrados en Sarria, Antas de Ulla, Cervo ou Lugo, os concertos Sons de Maio para Francisco Fernández del Riego, a representación do Folión de Entroido, presentación de publicacións como a do libro da vida e repertorio de Concha de Luneda, a celebración dos Maios, a organización dunha nova edición do certame de debuxo para escolares de toda a provincia sobre Os instrumentos da música tradicional galega, o programa Coñecemos as tradicións a través da horta, unha actividade xestionada pola Tradescola na que os escolares de 6º de Educación Infantil lucenses tiveron ocasión de poder traballar nos hortos dos seus centros educativos, e ademais aprender sobre a nosa cultura tradicional.

concerto final de curso tradescola
0.1573760509491