A Tradescola celebra os maios no CentrAD
A Tradescola celebra hoxe cos seus alumnos os maios. A festa de benvida á primavera que farán, como é tradición na escola, difundindo e promocionando a súa música, canto e baile tradicional.
Dende as 16.30 horas, o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo (CentrAD), acollerá a elaboración dun maio figurado a cargo dos nenos que cubrirán con fentos, fiuncho, herbas e frores silvestres. Ao remate, o alumnado dos grupos infantís e os mestres ofrecerán distintas actuacións nas que se poderá gozar dun repertorio tradicional cantado e bailado ao redor dos maios.
Esta é unha nova actividade que se suma ás levadas a cabo durante o curso, no que a maiores das aulas impartidas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical. A Tradescola realiza tamén certames e concertos didácticos de música Tradicional para escolares de distintas comarcas da provincia.
A FESTA
A festa dos Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar a principios do mes de maio, e é común en moitos países de Europa, onde existen variantes similares da mesma festividade.
A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio. Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de maios), mentres camiñan e bailan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus.
Era habitual pedir aos asistentes un aguinaldo que, por Lugo e Ourense, adoitaba consistir nunha presada de castañas maiolas (castañas secas), noces ou abelás. As figuras que protagonizaban a festa, os maios, podían ser figurados, en forma de cono recuberta de diferentes vexetais ou ben maios humanos, nos que unha persoa cubríase de pólas, follas ou frores.
Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos, bugallos, froitos ou mesmo ovos, como materiais máis habituais. O cumio remátase (coróase) cunha cruz.