A Tradescola ofrece este martes un primeiro concerto de fin de curso

LugoXa
Actuarán, a partir das 17.00 horas no fondo da praza Maior, alumnado de infantil e xuvenil
festival-fin-de-curso-tradescola
3 Jun 2025

Hoxe, martes 3 de xuño, a partir das 17.00 horas, a Tradescola celebrará o primeiro dos finais de curso cun concerto de música e baile tradicional que terá lugar no Fondo da Praza Maior de Lugo. Nesta actividade actuarán alumnos dos grupos infantís e xuvenís da Tradescola acompañados polos seus mestres.

Con este acto, no que colaboran a area de Cultura da Deputación de Lugo e a area de cultura do Concello de Lugo, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos inicia a recta final do curso no que participaron mais de 300 alumnos en aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais das aulas específicas para os máis pequenos.

A Asociación de Gaiteiros Galegos obtivo un balance moi positivo deste curso, no que ademais das aulas impartidas, puidéronse realizar numerosas actividades de promoción e difusión da cultura tradicional tanto na cidade de Lugo como en distintas comarcas da provincia.

No último semestre, a Tradescola levou a cabo numerosas actividades como os concertos didácticos para escolares celebrados no Courel e Lugo, os concertos de música tradicional do Nadal, os concertos Sons de Maio, os cursos de composición de coplas e de bailes de Entroido, a celebración dos Maios, a organización dunha nova edición do certame de debuxo para escolares de toda a provincia sobre “As Cantareiras”, os obradoiros de canto e pandeireta dedicados ás cantareiras homenaxeadas no día das Letras Galegas, visitas ao Centrad, a presentación do traballo discográfico O Ronsel do meu sentir etc...

⚙ Configurar cookies
0.63675403594971