A Tradescola ofrece este sábado un obradoiro de iniciación aos toques de leghón

O vindeiro sábado 15 de novembro celebrarase na Tradescola un obradoiro de iniciación aos toques de leghón ou sacho, destinado a achegar a música e a cultura tradicional galega a todas as persoas interesadas. A actividade terá lugar no Centrad de Lugo en horario de 16.30 a 19.30 horas.
O obradoiro será guiado por Xandre Outeiro, quen mostrará os principais toques específicos da zona ribeirana na aña, concretamente de Toutón/Aboal, Queimadelos e Barcia de Mera, permitindo aos participantes aprender unha peza de exemplo de cada lugar e tamén adaptar outros ritmos tradicionais ao leghón. Os asistentes deben ter coñecementos básicos dos ritmos tradicionais.
Xandre Outeiro é autor do libro-CD "Manüele… de pandeireta e canto tradicional" e ten unha ampla traxectoria na recolleita e difusión da música tradicional galega, tanto desde o grupo e asociación O Tear de Llerena como desde a Asociación Cultural Trépia.
Ademais, ten impartido aulas de percusión e canto tradicional en diversas escolas do país e actualmente centra o seu labor na dinamización do baile e a música tradicional de transmisión oral na comarca da Terra de Montes.
O obradoiro conta coa axuda da área de Cultura do Concello de Lugo, é gratuíto e as prazas son limitadas, asignándose por orde de inscrición.