A Tradescola organiza unhas Xornadas sobre o Entroido para toda a sociedade luguesa

LugoXa
Todas as actividades son de balde, e desde a Tradescola fan un chamamento á veciñanza para achegarse, aprender máis sobre o Entroido e compartir
Entroido-A-Tradescola-Lugo
20 Feb 2025

A Tradescola, escola de música tradicional galega xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo, organiza os vindeiros días 21 e 22 de febreiro unhas Xornadas sobre o Entroido, unha actividade que terá lugar no Centrad da cidade.

Estas xornadas contan co apoio das áreas de cultura da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo, así como coa cesión de espazos por parte do propio Centrad.

As xornadas estarán enfocadas tanto ao alumnado como ao público adulto, e ofrecerán un programa variado con faladoiros e obradoiros prácticos para coñecer mellor as tradicións do Entroido en Lugo, tanto na cidade como na provincia. Os asistentes poderán participar en charlas sobre as tradicións satíricas do entroido e tamén en talleres de danzas e de tradición oral.

O venres 21 de febreiro, ás 19.00 horas, terá lugar o faladoiro 'O entroido en Lugo: cidade e provincia' a cargo de Branca Villares. Neste encontro, os asistentes poderán coñecer a fondo as tradicións do Entroido en Lugo, facendo un percorrido polos costumes da provincia e convidando á veciñanza a compartir as súas propias memorias de como viven estas festas tan especiais. A entrada será libre ata completar o aforo.

O sábado 22 de febreiro comezará cun obradoiro de 'Danzas de Entroido', impartido por Xabier Iglesias de 11.00 a 12.15 horas. Neste taller, os participantes descubrirán as danzas propias do Entroido en Galicia e en todo o mundo, sen necesidade de coñecementos previos de baile. O obxectivo é gozar dos bailes tradicionais e reflexionar sobre a importancia do Entroido como unha celebración comunitaria e desenfadada. Para participar, será preciso inscribirse previamente nos números de teléfono 982229966 e 626705708 ou no correo electrónico secretaria@gaiteirosgalegos.gal.

A xornada continuará coa realización dun obradoiro práctico sobre tradición oral, centrado nas "composicións satíricas e a transgresión", a cargo tamén de Branca Villares, de 12.30 a 13.45 horas. Neste taller, os participantes debullarán as composicións satíricas do Entroido tradicional, aprenderán a análise de diferentes tipoloxías e recibirán pautas para a creación de letras actualizadas. A tradición oral do Entroido, a través das composicións, mantén a súa vixencia grazas á súa constante renovación, e este obradoiro será unha oportunidade única para coñecer e practicar esta rica herdanza cultural.

Todas as actividades son de balde, e desde a Tradescola fan un chamamento á veciñanza para achegarse, aprender máis sobre o Entroido e compartir as súas propias vivencias destas festas tan singulares.

0.22950315475464