A tradicional Feira do Entroido de Nadela acolleu centos de persoas que celebraron o seu 160 aniversario

A Asociación de Veciños San Xoán de Pena organizou unha nova edición da tradicional Feira do Entroido de Nadela, que se desenvolveu de maneira festiva e chea de actividades para todas as idades.
A xornada contou coa exposición e venda de produtos acompañada pola animación dun grupo de música tradicional, o chef Santi Almuiña Casas pronunciou o pregón oficial e pola tarde actuaron Diego Flâneur & Ünder, coa súa composición Canción Feira de Nadela.
Ademais, celebrouse o tradicional baile de entroido, no que participaron persoas de todas as idades, coa música da Charanga Santa Compaña e Verónica Cambón. O evento culminou ás 19.00 horas co Concurso de Traxes de Entroido, que contou con tres modalidades: infantil, adultos e grupal.
Durante todo o día, os asistentes puideron degustar as tradicionais filloas de Muimenta, un dos pratos máis esperados da feira.
COLABORACIÓN DAS INSTITUCIÓNS
A celebración contou co apoio da Xunta de Galicia e a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, que facilitou o acceso gratuíto ao evento e colaborou na súa difusión. Ademais, para facilitar os desprazamentos, habilitouse un servizo especial de bus urbano que conectou o centro de Lugo con Nadela cunha frecuencia de 30 minutos. Cristina López, da Tenencia de Alcaldía, destacou o valor cultural e económico das feiras tradicionais como a de Nadela, resaltando a súa importancia na preservación da cultura local e na promoción do comercio sostible.
Entre as actividades destacadas tamén houbo unha exposición fotográfica sobre a historia da feira, organizada en colaboración coa veciñanza de Nadela. Como parte desta celebración, o Goberno municipal de Lugo rendiu tributo a Castelao, o gran artista que chegou á cidade en 1932 para ser homenaxeado polas Irmandades da Fala. O Concello de Lugo instalou unha placa conmemorativa no lugar onde se tomou a histórica fotografía do evento, o 19 de xuño de 1932.
160 ANIVERSARIO
A Feira de Entroido de Nadela, con 160 anos de historia, celebrou tamén o sábado 23 de febreiro un evento especial para conmemorar este aniversario. A xornada arrancou ás 13.00 horas cunha animada Sesión Vermú, seguida polo tradicional Cocido da Carballeria ás 14.30 horas, que incluiu sopa de cocido, cocido completo, sobremesa, bebidas e café con gotas. Os nenos de ata seis anos puideron desfrutar gratuitamente deste menú.
Tras a comida, os asistentes gozarían do Baile de Tarde, amenizado polas actuacións de Verónica Cambón e da Rondalla de Santa María do Porriño. Ademais, para conmemorar os 160 anos da feira, organizouse unha exposición fotográfica que repasou a súa longa historia, con imaxes datadas entre os anos 20 e 70, e que estivo dispoñible na carpa da feira.