A treboada desta tarde provoca inundacións en varias rúas e un desprendemento

A enorme treboada que está a caer en Lugo desde primeira hora da tarde está a causar numerosos problemas na cidade. A cantidade de auga e a saraiba provocou numerosas inundacións en distintas vías, provocadas porque os sumidoiros non conseguían evacuar a cantidade de auga.
As inundacións, que se produciron en distintos puntos da cidade, provocaron numerosas retencións de tráfico. Algunhas das zonas máis afectadas foron Fontiñas, que estivo cortada, O Ceao, As Gándaras, Acea de Olga ou a avenida Infanta Elena á altura das Termas.
Outras rúas como San Roque, Sanxillao ou o barrio da Milagrosa estiveron moi afectadas pola cantidade de auga, aínda que zonas anegadas hai por toda a cidade.
Unha das incidencias máis destacadas foi un desprendemento da ladeira do terreo á altura do Balneario, o que deixou restos na N-VI pero o tráfico restaurouse.
Así mesmo, os ríos aumentaron de súpeto o caudal poñendo en perigo o leito, especialmente no Rato.
Entrou auga tamén nos polideportivos da Piringalla e no Anexo do Pazo. No primeiro tiveron que suspender a actividade e no segundo non foi necesario, como explicaron fontes provinciais, xa que o sistema de control da auga impediu que se mollara a pista.