A Ulla Viva sobe ao Pico Sacro para berrar contra a instalación de Altri en Palas de Rei

LugoXa
Protestará mañá en Pontevea contra a DIA positiva da Xunta a la celulosa
ULLA-VIVA-PROTESTA-ALTRI-PICO-SACRO
15 Mar 2025

O colectivo A Ulla Viva organizou hoxe unha actividade reivindicativa pola que ducias de persoas subiron até o Pico Sacro para protestar contra a instalación de Altri en Palas de Rei e as súas afectacións e impactos en toda a bacía do Ulla. Convocados por A Ulla Viva, os asistentes percorreron o treito desde a Capela de San Sebastián até o alto do Pico Sacro, onde despregaron bandeiras e carteis contra a instalación da macrocelulosa de Altri na Ulloa e a súa afectación aos concellos e máis de 140.000 habitantes que se abastecen do río Ulla até a súa desembocadura na ría de Arousa.

O colectivo A Ulla Viva tiña programada esta actividade antes de que o pasado 14 de marzo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva para Altri. A Ulla Viva, como o resto dos concellos afectados polo proxecto da macrocelulosa, acolleron onte como “un mazazo” esta primeira autorización da Xunta de Galicia ao proxecto de Altri-Greenalia. Para mañá domingo 16 de marzo, tamén os concellos da Ulla Viva están convocados ás doce do mediodía en Pontevea nun acto reivindicativo e de protesta contra esta autorización do goberno galego á planta de Altri.

O colectivo A Ulla Viva deixou claro que esta DIA favorable da Xunta “non nos vai dobregar, non nos imos render” e animou aos presentes a asistir en masa á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) para o vindeiro 22 de marzo na Pobra do Caramiñal onde “por terra e por mar” o pobo galego vai volver berrar contra Altri e contra a reapertura da Mina de Touro.

⚙ Configurar cookies
0.18848609924316