A exposición 'Mulleres para pensar, ideas para defender' pode visitarse na UNED

A UNED de Lugo acolle ata o vindeiro 24 de abril a exposición 'Mulleres para pensar, ideas para defender', unha iniciativa impulsada polo Foro Feminista de Lugo que busca visibilizar a xenealoxía feminista e reivindicar o papel das mulleres ao longo da historia.
A mostra, situada no terceiro andar do centro educativo, pretende dar a coñecer o legado das pensadoras que, durante máis de 300 anos, analizaron e cuestionaron os mecanismos de desigualdade que situaron ás mulleres nunha posición de inferioridade, subordinación, opresión e explotación.
A través desta proposta expositiva, ponse en valor o traballo intelectual de autoras que reflexionaron sobre os prexuízos de xénero e teorizaron arredor do androcentrismo, entendido como unha perspectiva que toma o masculino como referencia universal, excluíndo ás mulleres dos espazos públicos e do coñecemento.
Desde a organización subliñan que esta iniciativa constitúe tamén un acto de xustiza, ao recoñecer e recuperar a contribución de todas aquelas mulleres que abriron camiño no pensamento feminista, contribuíndo a construír unha sociedade máis igualitaria.