A UNED acollerá en febreiro un curso sobre redes sociais para emprendedores
A partir do próximo xoves 15 de febreiro a deseñadora gráfica ítalo-arxentina Marianella Ahmed Farha impartirá na extensión da UNED da cidade de Lugo un curso para todos os emprendedores, autónomos, freelancers, artistas e persoas en xeral que busquen potenciar o seu proxecto, produto ou servizo por medio do bo uso das redes sociais.
Que é o branding, como aplicalo correctamente, que son e como identificar os puntos de dor segundo o marketing, a importancia do estudo de mercado, que son e para que serven os insights, que é e como aplicar o key visual, que plataforma elixo para as miñas publicacións, que publicar, en que horario e con que frecuencia, como producir contido, como preparar un calendario de publicación, e, finalmente, que ter en conta para o pre-lanzamento e lanzamento dun produto ou servizo.
Como broche de ouro, algúns consellos sobre como evitar o axetreo, rompendo coa ecuación errónea que adoitan ter os emprendedores (+ éxito + horas – cuidado persoal).
Realizarase online e presencial, os días 15, 19, 20, 21, 22 e 26 de febreiro do 2024, de 18.00 a 20.00 horas. Un total de 6 sesións.
Marianella Ahmed Farha é unha deseñadora gráfica e animadora 2D, freelance e fundadora do estudo de deseño e comunicación Apronta. Un proxecto que naceu en Arxentina hai 8 anos e que hai 1 ano decidiu tamén fabricar as súas ideas en España. Máis información e matrícula no neste enlace.
A matrícula ordinaria ten un custo de 30 euros, habendo descontos para persoas con discapacidade, persoas do ámbito UNED ou persoas en situación de desemprego.