A UNED celebra mañá unha xornada sobre cambio climático
Este martes día 24 terá lugar no salón de actos da UNED unha Xornada de conferencias sobre o cambio climático que forma parte do novo proxecto da universidade #UNEDFutura.
Trátase dunha actividade gratuíta á que se poderá asistir tanto de maneira presencial no salón de actos do centro, como online ou diferido. Neste espazo de debate participarán relatores procedentes de ámbitos profesionais variados para achegar unha visión global sobre a emerxencia climática dende un punto de vista científico, do activismo social e da educación. Dita xornada terá a honra de está apadriñada por Fernando Valladares, un dos maiores referentes a nivel estatal en materia de biodiversidade e cambio climático. Ademais, contaremos coa presenza do alumnado de 4º da ESO do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
Na mesma liña, o mércores 25, xunto cos alumnos de 1º de Bacharelato de Excelencia de Ciencias e Tecnoloxía do IES Lucus Augusti, a UNED levará a cabo unha actividade de divulgación ambiental cunha parte teórica e unha práctica. Na primeira, a directora do centro, Ana Traseira, impartirá unha charla sobre a emerxencia climática, debatendo cos estudantes os posibles futuros do planeta. A continuación, realizarán unha actividade ao aire libre na zona do río Miño, onde procederán á inspección das condicións ambientais do río para determinar o seu estado de conservación mediante unha análise química.
Así mesmo, ao longo de toda a semana, estará exposta nas instalacións da UNED a exposición “Emerxencia climática, feitos e datos” cedida polo CEIDA, unha exposición enfocada dende a educación ambiental e baseada en información científica contrastada que pretende proporcionar os fundamentos básicos que argumentan a crise climática na que nos atopamos.