A UNED celebra o Día da Muller na Ciencia convidando á recoñecida investigadora Cintia Folgueira Cobos

A UNED de Lugo celebra o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia cunha actividade especial que terá lugar o vindeiro venres 7 de febreiro de 2025 ás 10.30 horas no Salón de Actos da UNED de Lugo.
A charla, titulada Rompendo Barreiras: A viaxe científica de Cintia Folgueira, contará coa participación da neurobióloga e recoñecida investigadora Cintia Folgueira Cobos, quen compartirá a súa experiencia persoal e profesional no ámbito científico.
Durante a entrevista, a científica falará dos desafíos e logros que encontrou ao longo da súa carreira, facendo fincapé na súa traxectoria como muller nun campo onde a representación feminina aínda é insuficiente.
A actividade tamén abordará a importancia de promover a inclusión e a igualdade de xénero na ciencia, especialmente na investigación e nas áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
A cita estará aberta ao público e contará coa participación especial do alumnado de 4º de ESO do IES Virxe dos Ollos Grandes, que terá a oportunidade de interactuar coa convidada. A charla ofrecerase en formato presencial e online, permitindo a máxima accesibilidade e fomentando a participación de todos os interesados.
A actividade será conducida por Ana Traseira Pena, directora da UNED de Lugo e do proxecto #LugoNaturalMente, xunto aos biólogos ambientais da universidade Paula Fernández Moure e Alejandro Rodríguez García, que serán os encargados de realizar a entrevista a Cintia Folgueira.