A UNED de Lugo abre o prazo de matrícula para as súas V Xornadas Aprendendo Feminismo

LugoXa
O obxectivo destas xornadas é aproveitar o aniversario da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller para reforzar a relación coa xente nova en favor da igualdade de xénero
Aprendiendo-Feminismo-UNED
16 Mar 2025

A UNED de Lugo abre o prazo de matrícula para as súas V Xornadas Aprendendo Feminismo, que se celebrarán o próximo 25 de marzo, de 16.30 a 20.30 horas, en formato presencial ou online.

Nesta súa quinta edición, as xornadas únense á conmemoración do trixésimo aniversario da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller e a aprobación da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing (1995), así como ao décimo aniversario da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Estas xornadas contarán coa participación de destacadas voces feministas, entre as que se atopan Concepción García Vázquez, técnica superior en Transporte e Loxística e presidenta da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia; Elena Grandío de Fraga, excoordinadora de Médicos Sen Fronteiras e enfermeira; Luisa Grandío de Fraga, profesora de Secundaria e membro do Foro Feminista de Lugo; Mª Carmen Díaz Simón, pedagoga e presidenta do Foro Feminista de Lugo; e María del Carmen Abuin González, licenciada en Xornalismo e docente en Igualdade, tamén membro do Foro Feminista de Lugo.

O obxectivo destas xornadas é aproveitar o aniversario da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller para reforzar a relación coa xente nova en favor da igualdade de xénero e incorporar a aquelas persoas que aínda permanecen á marxe do movemento feminista. A través da colaboración entre gobernos e sociedade, a iniciativa busca superar e erradicar as causas da desigualdade entre mulleres e homes, trazando o camiño cara a unha igualdade real de dereitos e oportunidades.

Ademais, o evento tamén se enmarca na preparación para a avaliación que realizará en marzo de 2025 a Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller das Nacións Unidas sobre os avances na aplicación da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, co obxectivo de acelerar a consecución da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas en todo o mundo.

⚙ Configurar cookies
0.75099301338196