A UNED de Lugo abre o segundo prazo de matrícula o 5 de febreiro

LugoXa
A UNED abrirá o seu segundo prazo de matrícula, que se estenderá do 5 de febreiro ao 12 de marzo para estudos de grao, mestrados oficiais e microtítulos.
4 Feb 2024

A UNED abrirá o seu segundo prazo de matrícula, que se estenderá do 5 de febreiro ao 12 de marzo para estudos de grao, mestrados oficiais e microtítulos. Ademais, ata o 29 de marzo permanece aberta a matrícula para os exames da Proba Libre de Idiomas e, desde o 1 de febreiro e ata o 14 de marzo, para a Proba Libre de Acceso para Maiores de 25 e 45 anos.

A este segundo prazo de matrícula poderán concorrer os estudantes que cumpran unha serie de requisitos. No caso dos estudos de Grao, poderán matricularse novos estudantes ou ampliar matrícula aqueles que cursaran un número determinado de créditos.

No caso dos mestrados oficiais, poderán ampliar matrícula aqueles estudantes que se matricularan nun mínimo de 20 créditos no primeiro período. Ademais, poderán matricularse os alumnos que foron admitidos no proceso de preinscrición, pero non formalizaron a súa matrícula e aqueles aos que como máximo lles falten dúas materias e o traballo fin de mestrado para concluír os seus estudos, sempre que conten coa autorización da comisión coordinadora do mestrado.

Finalmente, para optar a un microtítulo os estudantes deberán cumprir cos mesmos requisitos xerais de acceso ao grao ou mestrado e poderán matricularse das materias que consideren oportunas. A UNED, pioneira na implantación desta formación, sitúase así na vangarda europea en canto á creación de microcredenciais, unha formación que permite a especialización en áreas concretas sen necesidade de cursar un grao ou mestrado completo.

0.077436923980713