A UNED de Lugo acollerá as IV Xornadas 'Xustiza e Diversidade'

A UNED de Lugo celebra este xoves, 4 de decembro, a cuarta edición das Xornadas Xustiza e Diversidade, unha cita de referencia que busca profundar nos retos presentes e futuros na atención ás persoas con diversidade funcional dentro do ámbito penal.
O evento, que comezará ás 17.30 horas, desenvolverase no Salón de Actos José Luis Prieto Arroyo e poderá seguirse tanto de maneira presencial como por vía telemática, en directo ou en diferido, co obxectivo de facilitar a participación da cidadanía e das entidades vinculadas ao sector.
A inauguración correrá a cargo da presidenta da Asociación Xustiza e Diversidade, Pilar García Puertas Taboada, acompañada pola directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, quen introducirá as liñas principais e a orientación temática desta edición.
O programa inclúe tres relatorios especializados. O primeiro estará a cargo de Rubén Darío Veiga Arias, Policía Nacional e Delegado de Participación Cidadá da Comisaría de Lugo, que abordará os protocolos de actuación policial en relación coa discapacidade.
A continuación, intervirá Elvira Fernández Domínguez, xurista de Institucións Penitenciarias e Subdirectora de Tratamento do Centro Penitenciario de Monterroso, quen analizará o papel da administración penitenciaria na atención ás persoas con diversidade funcional.
A sesión concluirá coa maxistrada e presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas, que exporá os principais desafíos da xustiza ante a diversidade funcional.
As xornadas contan coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e FADEMGA, reforzando o compromiso institucional coa inclusión, os dereitos e a visibilidade das persoas con diversidade funcional.