A UNED de Lugo aproba un orzamento de máis dun millón de euros e pecha o curso cun balance cheo de éxitos

O Centro Asociado da UNED en Lugo acolleu a reunión ordinaria da súa Xunta Reitora, órgano que rexe o Consorcio Universitario. Durante a sesión aprobáronse por unanimidade as contas correspondentes ao exercicio 2024, o plan de xestión da calidade do centro e o orzamento para o ano 2026, que ascende a 1.090.550,17 euros.
A directora do centro, Ana Belén Traseira Pena, presentou o balance académico do curso 2024-2025, destacando unha cifra histórica de 1.200 estudantes matriculados en ensinanzas regradas e un notable incremento da actividade de extensión universitaria, con 8.150 inscricións en 119 accións formativas, o que supón un aumento do 13 % respecto ao ano anterior.
Tamén puxo en valor a consolidación do proxecto de sustentabilidade #LugoNaturalMente, que acadou 77 actividades e chegou a máis de 5.100 persoas. Ademais, incorporáronse ao centro catro persoas en prácticas a través do programa SEPE e dúas bolseiras vinculadas aos ODS do Vicerreitorado de Sostibilidade.
O informe anual tamén salientou o impacto do LCDPodcast, que suma xa 22 episodios, 79.000 visualizacións e máis de 13.000 subscritores, así como a implicación activa da UNED Lugo en programas como o STEMBach, o ciclo UNED Sen Fronteiras e a súa aposta pola aprendizaxe-servizo, reflectida en iniciativas como o I Congreso Internacional de ApS en contornas dixitais.
Entre os eventos máis significativos do curso figuran as XXXVIII Xornadas Penitenciarias Lucenses “Concepción Arenal”, as XVII Xornadas Xurídicas Román García Varela, e o recoñecemento do proxecto #LugoNaturalMente como un dos dez mellores no certame nacional “Europa Se Siente”.
Un dos acordos máis relevantes da sesión foi o cambio na presidencia do Consorcio Universitario, que rota cada dous anos e que pasa agora do Concello de Lugo á Deputación. Desde este momento, a presidencia será exercida polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, quen agradeceu a confianza depositada para liderar o órgano de goberno da institución.
Na reunión participaron tamén a vicerreitora de Centros Asociados da UNED, Isabel Martín del Llano, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o alcalde de Foz, Fran Cajoto García, o representante do persoal de administración e servizos, Carlos García, a representante do profesorado titor, Reyes Rodríguez, e o secretario do centro, Alejandro Prieto, ademais da directora.
O encontro desenvolveuse nun ambiente de colaboración institucional, evidenciando o compromiso compartido de continuar promovendo desde Lugo unha educación superior pública, accesible e aliñada cos principios do desenvolvemento sostible.