A UNED de Lugo dedica as súas VI Xornadas Sen Fronteiras á realidade da muller marroquí

O vindeiro xoves 19 de xuño de 2025, a UNED de Lugo celebrará a sexta edición das súas xornadas UNED Sen Fronteiras, unha actividade xa consolidada no calendario do centro, que nesta ocasión estará centrada na realidade da muller marroquí. A sesión, que se desenvolverá entre as 17:00 e as 20:00 horas, poderá seguirse tanto de forma presencial como en liña, en directo ou en diferido.
Durante a xornada analizarase a evolución do papel da muller en Marrocos nas últimas décadas, desmontando estereotipos e prexuízos difundidos desde Occidente. As intervencións combinarán unha perspectiva académica e vivencial, cun enfoque cultural que integrará a música, a literatura e mesmo a gastronomía do país norteafricano.
Entre as relatoras principais estarán Fatiha Nabil Bennani, técnica de intervención social e mediadora intercultural da Cruz Vermella, licenciada en Psicoloxía pola Universidade Mohammed V; Fatima Bali, profesora xubilada de ensino secundario en Rabat, que intervirá de forma remota; e Sara María Cancelo El Hammoussi, docente de Formación Profesional e graduada en Nutrición Humana pola USC.
A sesión contará coa presentación do sociólogo José López Riopedre e da directora do centro, Ana Belén Traseira Pena, e rematará cunha degustación de produtos típicos marroquís.
A actividade é gratuíta e forma parte do ciclo UNED Lugo Sen Fronteiras, iniciado en 2019 co obxectivo de promover o coñecemento doutras culturas como base para a convivencia, o entendemento mutuo e a paz. Conta coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo, e contribúe ao cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 16: paz, xustiza e institucións sólidas.