A UNED de Lugo gradúa á promoción 2024-2025 do seu programa Sénior

O Centro Asociado da UNED en Lugo celebrou o acto de gradación da promoción 2024-2025 do Programa UNED Sénior, nun contexto de crecemento notable tanto en participación como en interese social.
No segundo semestre, o número de materias ofertadas duplicouse —pasando de dúas a catro, con Inglés básico, Inglés intermedio, Informática e unha introdución á historia da arte—, o que permitiu incrementar o número de persoas matriculadas de 37 a 82.
Ao longo de todo o curso académico, foron 119 as persoas lucenses que participaron nesta iniciativa educativa dirixida a maiores de 55 anos e centrada na aprendizaxe continua, o envellecemento activo e a implicación cultural e social das persoas maiores. No conxunto da provincia de Lugo, grazas á implantación do programa tamén en Viveiro e Sarria, a cifra achégase ás 300 participantes. Nestes dous municipios, os actos de gradación terán lugar en setembro.
A cerimonia en Lugo contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, que entregou os diplomas e exerceu como padriño da promoción. Estiveron tamén o alcalde de Lugo, Miguel Fernández; o deputado de Promoción Económica da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; e a directora do Centro Asociado da UNED en Lugo, Ana Traseira Pena. A profesora Raquel Iglesias falou en representación do profesorado, mentres que a alumna Ana Lozano interviu en nome do alumnado sénior.
O Programa UNED Sénior é unha proposta de formación específica para maiores de 55 anos interesados en continuar aprendendo, compartindo experiencias e participando activamente na vida social e cultural. A nivel estatal, conta con máis de 600 cursos e supera os 10.000 estudantes en toda España.