A UNED de Lugo impartiu unha charla sobre bulos climáticos na asociación ADACE de Lugo

LugoXa
A actividade enmárcase no programa de alfabetización climática da Oficina Verde e aborda a desinformación e os retos que supón para a sociedade actual
charla-UNED-e-Adace
17 Mar 2026

A UNED de Lugo organizou unha charla na Asociación de Dano Cerebral de Lugo (ADACE Lugo) centrada na análise dos principais bulos climáticos e na desinformación relacionada co cambio climático.

A actividade foi impartida polo equipo de LugoNaturalMente da institución académica e forma parte do programa de alfabetización climática que impulsa a Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, unha iniciativa que busca fomentar a educación ambiental e promover o pensamento crítico entre a cidadanía.

Durante a sesión explicouse como se xeran os bulos e por que este tipo de mensaxes consegue calar en parte da sociedade. Ademais, analizáronse as principais narrativas negacionistas arredor do cambio climático e abordouse a importancia de consultar fontes de información fiables e baseadas na evidencia científica para evitar a propagación de contidos falsos ou manipulados.

A conferencia tamén serviu para reflexionar sobre as consecuencias sociais e ambientais que pode ter a difusión de información incorrecta sobre o cambio climático, así como sobre o impacto que este fenómeno pode ter na percepción pública da crise climática.

Esta actividade inscríbese dentro do calendario de accións que desenvolve a Oficina Verde da UNED co obxectivo de reforzar a sensibilización ambiental e combater a desinformación climática entre distintos colectivos da provincia. Neste sentido, as iniciativas do programa chegan a diferentes ámbitos sociais, incluíndo centros educativos, asociacións e tamén institucións penitenciarias.

0.11992216110229