A UNED de Lugo impulsa un marzo en clave feminista baixo o lema 'Voces que abren camiños'

A UNED de Lugo volve marcar no seu calendario o Día Internacional da Muller cunha proposta especial que se estenderá durante todo o mes de marzo. Baixo o lema 'Voces que abren camiños', o centro artella unha programación que integra contidos dixitais, actividades formativas, reflexión académica e unha mostra expositiva, co obxectivo de reforzar a visibilización das mulleres e o seu papel como xeradoras de coñecemento e transformación social.
A primeira das iniciativas verá a luz o 8 de marzo, coincidindo coa conmemoración internacional, coa estrea nas redes sociais do vídeo podcast “Voces que abren camiños”. Trátase dunha serie de entrevistas a seis mulleres lucenses referentes en distintos ámbitos profesionais e sociais. A través de pequenas pezas audiovisuais que se difundirán de maneira progresiva, a proposta pretende poñer o foco en traxectorias inspiradoras e contribuír á creación de referentes femininos próximos para as novas xeracións.
A programación continuará entre o 18 de marzo e o 13 de maio de 2026 co curso de extensión universitaria “Herbarium et Venenum: corpo, medicina e rituais femininos na Hispania da Antiga Roma”. Esta actividade aborda, desde unha perspectiva interdisciplinar e de xénero, o papel desempeñado polas mulleres no ámbito do coñecemento médico e botánico na Antigüidade, así como a recuperación de saberes que foron historicamente relegados ou invisibilizados.
O 24 de marzo terá lugar unha nova edición das Xornadas “Aprendendo Feminismo”, que acadan a súa sexta convocatoria baixo o título “Xenealoxía feminista. Mulleres para pensar, ideas para defender”. A sesión contará coa participación de Uxía López Mejuto, María del Carmen Abuin González e Mª Carmen Díaz Simón, que ofrecerán un espazo de análise e diálogo arredor da construción do pensamento feminista e da relevancia das xenealoxías na transmisión das ideas e das loitas pola igualdade.
Como complemento ás xornadas, do 24 de marzo ao 24 de abril, o terceiro andar do centro acollerá a exposición “Xenealoxía feminista”, un percorrido visual por figuras clave do movemento feminista aberto tanto á comunidade universitaria como á sociedade lucense en xeral.
Con este conxunto de iniciativas, a UNED de Lugo reafirma o seu compromiso coa igualdade real e efectiva, apostando por unha programación que combina divulgación, formación e reflexión crítica para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.