A UNED de Lugo inaugura a exposición 'Nubes', de Iago Eireos

LugoXa
A exposición parte dunha reflexión arredor da expresión “estar nas nubes”, comunmente asociada á idea de soñar esperto, deixarse levar ou desconectarse da realidade
exposición-Nubes-Uned-Lugo
23 Apr 2025

A UNED de Lugo inaugura a exposición 'Nubes', de Iago Eireos, que se pode visitar no vestíbulo da terceira planta ata o 20 de xuño de 2025.

A inauguración celebrarase o propio día 24, coincidindo coa xuntanza do Consello de Campus do noroeste da UNED, que terá lugar tamén na sede de Lugo.

A exposición parte dunha reflexión arredor da expresión “estar nas nubes”, comunmente asociada á idea de soñar esperto, deixarse levar ou desconectarse da realidade.

Para o autor, esta frase conecta directamente coa pareidolía, esa capacidade de ver formas ou imaxes onde aparentemente non hai nada, un exercicio de abstracción que require ollar máis alá da superficie.

'Nubes' propón ao espectador un exercicio de mergullo entre nubes, un convite a nadar entre formas e cores que se afastan da representación literal.

A través da pintura, o gravado, o stencil ou a instalación, Iago Eireos explora conceptos como o paisaxe deconstruído, a memoria e o poso como fósil pictórico.

Con esta exposición, a UNED de Lugo continúa co seu compromiso coa cultura e coa creación contemporánea, ofrecendo ao público lucense a posibilidade de aproximarse a propostas que mesturan a introspección estética coa experimentación formal.

⚙ Configurar cookies
0.16341090202332