A UNED de Lugo inaugura o curso académico 2025/2026 cunha homenaxe a José Luis Prieto Arroyo

A UNED de Lugo abriu oficialmente o curso académico 2025/2026 cun acto celebrado no Centro Asociado da cidade, no que se rendeu homenaxe a José Luis Prieto Arroyo, quen foi vicerreitor da UNED, director do Campus Noroeste e tamén director da sede lucense. A cerimonia incluíu a lección inaugural a cargo da presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Mª Piñeiro Vilas, titulada Dereito e Universidade: construíndo futuro desde a igualdade.
Durante o evento tamén se fixo entrega dos diplomas ao alumnado graduado no curso anterior e contou coa asistencia de diversas autoridades, entre elas a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, o reitor magnífico da UNED, Ricardo Mairal Usón, e a directora da UNED en Lugo, Ana Belén Traseira Pena.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou na súa intervención a importancia de apoiar a educación pública e de garantir o acceso universal ao coñecemento. “Desde a Deputación de Lugo cremos firmemente que o coñecemento debe estar ao alcance de todos. Por iso mantemos unha colaboración estreita e constante con este centro educativo, convencidos de que apoiar a ensinanza pública é apostar polo futuro de Lugo”, afirmou.
Tomé Roca aproveitou ademais para recoñecer o traballo do equipo directivo, do profesorado, do persoal administrativo e do alumnado, subliñando que a UNED en Lugo representa “o compromiso co coñecemento, coa igualdade de oportunidades e co progreso da nosa provincia”. O mandatario provincial incidiu tamén no carácter “aberto, inclusivo e flexible” do modelo da institución, que permite compatibilizar os estudos coa vida laboral e familiar.