A UNED de Lugo promoveu un taller de baño de bosque e iniciación ao haiku no paseo do Río Rato

A UNED de Lugo desenvolveu na contorna das carballeiras do paseo do Río Rato o taller Baño de bosque e iniciación ao haiku, unha proposta que contou coa participación de 12 persoas interesadas tanto na creación literaria como na relación coa natureza. A iniciativa estivo conducida pola escritora e docente Francisca García Jáñez, encargada da parte formativa vinculada ao haiku, mentres que Mercedes Rois Díaz foi a responsable de guiar a experiencia de baño de bosque.
A sesión iniciou cunha explicación introdutoria sobre o haiku, a forma poética tradicional xaponesa composta por tres versos, para dar paso a continuación a unha inmersión sensorial no entorno natural orientada a favorecer a atención plena e a observación consciente da paisaxe. Tras esta experiencia no bosque, as persoas participantes trasladaron as sensacións e percepcións vividas á escritura de haikus inspirados no percorrido polo paseo.
Esta actividade enmarcouse no programa ODS en Acción e tivo como obxectivo conmemorar o Día Internacional das Montañas, vinculándoo ao ODS 15, centrado na vida dos ecosistemas terrestres. A proposta procurou promover tanto o coidado do medio natural como o benestar persoal, reforzando a conexión entre poesía, reflexión e natureza.