A UNED de Lugo recibe en Madrid o Galardón Nacional de Boas Prácticas Universitarias

A UNED de Lugo recibiu, en Madrid, o Galardón Nacional de Boas Prácticas Universitarias do Consello Social da UNED, nun acto institucional no que se puxo en valor a innovación e a modernización nas universidades públicas. O recoñecemento foi recollido en representación do centro polo secretario da UNED, Alejandro Prieto Mazaira, nun evento presidido polo reitor da UNED, Ricardo Mairal, e pola presidenta do Consello Social da UNED, Nuria Oliver.
O galardón foi concedido ao proxecto “A Comunicación: unha nova ponte cara a Lugo”, desenvolvido polo Centro Asociado da UNED en Lugo, unha iniciativa que supuxo unha profunda transformación da estratexia comunicativa da institución e un reforzo da súa identidade institucional. A través deste proxecto, o centro apostou por un modelo de comunicación innovador, multicanle e orientado á proximidade tanto coa comunidade universitaria como coa cidadanía en xeral.
Esta nova estratexia contribuíu de maneira directa a mellorar a visibilidade da UNED de Lugo e a incrementar a matrícula, consolidando o papel do centro como referente da universidade pública no territorio. A directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, valorou de forma moi positiva este recoñecemento nacional, sinalando que supón un aval ao traballo desenvolvido nos últimos anos para achegar a universidade pública á sociedade, reforzando valores como o coñecemento, a cohesión social e o servizo público.
O acto celebrado en Madrid serviu tamén para subliñar a importancia da comunicación estratéxica como unha ferramenta clave para impulsar a innovación, a modernización e a conexión das universidades públicas coa sociedade á que serven.