A UNED de Lugo será o escenario dunha conferencia sobre bulos climáticos

O vindeiro xoves 27 de marzo de 2025 ás 17.30 horas, a UNED de Lugo será o escenario da conferencia titulada "Bulos climáticos. Como defenderse ante a desinformación".
Este evento abordará a proliferación de mitos relacionados co cambio climático e ofrecerá estratexias para identificalos e combatelos con base científica.
A charla será impartida por Emilio Macía e Iván Vázquez, dous estudantes que, a través desta ponencia, culminan as súas prácticas dentro do programa "Centros ODS" no marco do proxecto #LugoNaturalMente da UNED de Lugo.
Durante a sesión, analizaranse algunhas das falsidades máis estendidas en torno ao cambio climático e presentaranse datos contrastados provenientes de organismos recoñecidos internacionalmente, como o IPCC, a ONU e outras institucións científicas de referencia.
O obxectivo principal desta iniciativa é dotar aos asistentes de ferramentas útiles para detectar e desmontar bulos climáticos, promovendo unha comprensión crítica e fundamentada da información ambiental. Deste xeito, preténdese contribuír a evitar a confusión social xerada, en moitas ocasións, de maneira intencionada.
A asistencia á conferencia é de balde, pero é necesario inscribirse previamente para poder participar.