A UNED de Lugo súmase á Gran Recollida de Alimentos nacional

A UNED de Lugo participa no proxecto da Gran Recollida de Alimentos, unha iniciativa solidaria de ámbito estatal coordinada pola Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).
Esta acción forma parte dunha actividade formativa impulsada pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), co propósito de fomentar un consumo responsable e sustentable, contribuíndo aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) mediante sistemas agroalimentarios inclusivos e eficientes.
A participación da UNED de Lugo, xunto con outros centros asociados da UNED —como Denia, Mallorca, Pamplona e Ceuta—, así como coa Universidade Europea, a Universidade Francisco de Vitoria, a Universidade de Sevilla e a Fundación Triptolemos, reforza o carácter multidisciplinar e colaborativo deste proxecto, distinguido co Premio á Excelencia na Dirección de Proxectos Sociais pola AEIPRO-IPMA.
O programa desenvólvese baixo o modelo de Aprendizaxe-Servizo (ApS), que permite ao alumnado adquirir competencias persoais e profesionais no ámbito do voluntariado e da xestión de proxectos solidarios. A través de sesións formativas e obradoiros, abórdanse cuestións como a recuperación de excedentes alimentarios, a redistribución a persoas desfavorecidas, a loita contra o desperdicio e a protección ambiental. Tamén se analiza o papel das universidades, das empresas e da sociedade civil na promoción de prácticas sustentables, en coherencia cos Principios para o Investimento Responsable en Agricultura e Sistemas Alimentarios (CSA-IRA) do Comité de Seguridade Alimentaria Mundial.
Como parte central da iniciativa, desenvolverase unha actividade de voluntariado os días 7, 8 e 9 de novembro, na que os participantes colaborarán directamente coa FESBAL e cos seus bancos de alimentos na recuperación e distribución de produtos destinados a persoas en situación de vulnerabilidade. O alumnado da UNED de Lugo foi convidado a participar nesta experiencia, que lles permitirá aplicar os coñecementos adquiridos e contribuír de maneira directa á mellora da seguridade alimentaria.