A UNED de Lugo súmase este ano á Gran Recollida de Alimentos 2024

LugoXa
Esta iniciativa está organizada pola Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) e a Cátedra Banco de Alimentos da Universidade Politécnica de Madrid
cartel-gran-recollida-da-UNED
6 Nov 2024

A UNED de Lugo súmase este ano á Gran Recollida de Alimentos 2024, organizada pola Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) e a Cátedra Banco de Alimentos da Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

Este proxecto, deseñado como unha iniciativa de aprendizaxe-servizo, ofrece ao alumnado a oportunidade de participar activamente na recollida de alimentos destinada a apoiar ás persoas máis vulnerables da sociedade.

A actividade, aberta á participación do alumnado da UNED, estrutúrase en dúas fases que buscan formar e sensibilizar sobre o consumo responsable e a sostibilidade. N

a primeira fase, o 6 de novembro, o alumnado participará nun obradoiro formativo virtual, onde se abordarán temas como a recuperación de excedentes, a redistribución de alimentos, a loita contra o desperdicio e a protección do medio ambiente. Este obradoiro, impartido por representantes de FESBAL e dos Bancos de Alimentos, examina tamén o papel fundamental da universidade, das empresas e da sociedade civil no fomento da sostibilidade alimentaria e a súa conexión cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A segunda fase, centrada na acción de voluntariado, terá lugar os días 22, 23 e 24 de novembro. Nesta etapa, o alumnado da UNED de Lugo participará na Gran Recollida de Alimentos, prestando o seu apoio en supermercados locais e contribuíndo directamente ás iniciativas de redistribución de alimentos do Banco de Alimentos.

Ademais da UNED de Lugo, os Centros Asociados de Pamplona, Denia, Mallorca e Ceuta tamén se uniron a esta iniciativa, ampliando o impacto desta acción solidaria a nivel nacional.

Para unirse a esta iniciativa, o alumnado interesado debe rexistrarse mediante o formulario de inscrición no Banco de Alimentos e no formulario do seu centro asociado. Aqueles que completen ambas fases da actividade recibirán un certificado que recoñece a súa dedicación e esforzo en favor dunha sociedade máis solidaria e sostible.

0.19794106483459