A UNED en Lugo será escenario da xuntanza do Consello do Campus Noroeste

A UNED en Lugo será escenario os días 24 e 25 de abril da xuntanza do Consello do Campus Noroeste, converténdose nestas datas no punto neurálxico da coordinación universitaria da UNED para esta área xeográfica.
O Campus Noroeste da UNED está conformado polos centros asociados das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Estremadura e Castela e León, e a convocatoria congregará en Lugo arredor de 30 responsables académicos, incluíndo os directores e directoras dos centros integrantes, así como representantes da sede central da UNED, como o vicerreitor de Centros Asociados e a vicerreitora de Innovación Educativa, xunto a outros membros do equipo reitoral da universidade.
A sesión oficial do Consello terá lugar na tarde do xoves na sede da UNED Lugo, e proseguirá na mañá do venres 25, cunha axenda que contempla visitas institucionais ao Concello de Lugo e á Deputación Provincial, ademais dunha intensa sesión de traballo centrada na programación do próximo curso académico.
Entre os asuntos que se tratarán salientan as novas propostas educativas para o curso entrante, a innovación e excelencia docente, os proxectos de extensión universitaria e cultural, así como cuestións organizativas e orzamentarias que afectan ao conxunto do campus.
A realización desta reunión en Lugo evidencia o compromiso do Centro Asociado coa estrutura territorial da UNED e co impulso dun ensino público, moderno e de calidade, sempre ao servizo do estudantado e do desenvolvemento local.