A UNED Lugo aproba un orzamento de algo máis dun millón de euros

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta Reitora da UNED de Lugo 2024, que preside presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, aprobou o orzamento para o vindeiro exercicio.
xunta reitora uned lugo
19 Xul 2023

A Xunta Reitora da UNED de Lugo 2024, que preside presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, aprobou o orzamento para o vindeiro exercicio, que ascende a 1.055.176,56 euros.

Á xuntanza asistiron ademais do presidente do ente provincial, a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o vicerreitor adxunto de Centros Asociados, Íñigo Tejera; o secretario xeral de universidades, José Alberto Díez; a tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos, Gloria Prad; a representante do profesorado, Reyes Rodríguez; o representante do persoal, Carlos García; a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, e o secretario da UNED de Lugo, Alejandro Prieto.

Na reunión tratáronse outros puntos coma a liquidación das contas do exercicio 2022, a aprobación dun convenio para o cálculo do retorno da inversión (SROI) co catedrático do Departamento de Teoría Económica e Economía Matemática da UNED, José María Labeaga Azcona, autor doutro estudo que situou o retorno social da UNED de Lugo en 6,41 euros por cada euro investido.

Tamén, a directora da UNED informou á xunta reitora do balance do curso pasado, onde se conseguiron manter os niveis de matrícula e incluso superalos no caso da UNED Sénior onde se incrementou un 68% o alumnado e en extensión universitaria, onde se acadaron 8.249 matrículas, un 30% máis que no curso anterior. Tamén, a directora deu conta dos resultados do proxecto #UNEDLife, agradecendo o traballo do comité técnico do proxecto, integrado por Sara Meijide, periodista; Salva Arco, director da Fundación Breogán; Carlos García, xestor de administración da UNED de Lugo, e Ana Traseira, directora da UNED de Lugo e a colaboración de todas as entidades deportivas, profesionais da saúde, restaurantes, etc, que participaron no proxecto.

Todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade de todos os asistentes.

Finalmente, a directora recordou que o pasado mes de xuño se cumpriron 15 anos da apertura das portas da UNED de Lugo e, dende o centro, pretenden encher de contido e actividades esta conmemoración.

Tamén, lembrou que neste momento e ata o 23 de outubro estará aberto o prazo de matrícula, recordando que na UNED non hai límite de prazas nin nota de corte para o acceso.

Ao rematar a alcaldesa do Concello de Lugo, tomou o relevo, como presidenta da xunta reitora, que se estableceu cunha rotación cada dous anos entre o Concello e a Deputación de Lugo.

0.200275182724