A UNED Sénior da Coruña festexou o Entroido en Guitiriz como exemplo de envellecemento activo

A UNED Sénior da Coruña celebrou unha entrañable e animada xornada de Entroido en Guitiriz, na que participaron as aulas de Momán, no concello de Xermade, Paderne e Monfero. O encontro reuniu alumnado e profesorado nun ambiente festivo no que a música, os disfraces e a convivencia foron os grandes protagonistas.
A celebración volveu demostrar que a idade non é ningún impedimento para gozar, aprender e compartir. Persoas maiores de 89 anos participaron activamente na festa, lucindo disfraces orixinais e contaxiando o seu entusiasmo a todos os asistentes. A súa presenza simbolizou o verdadeiro espírito da UNED Sénior, centrado en promover o envellecemento activo, a participación social e a ilusión por seguir vivindo novas experiencias.
Durante a xornada non faltou a música en directo, con acordeóns que puxeron banda sonora a unha mañá chea de sorrisos, lembranzas e compañeirismo. Máis alá da propia celebración, o acto serviu para poñer en valor o papel fundamental das persoas maiores na sociedade, amosándose activas, comprometidas e cunha admirable alegría de vivir.
A UNED Sénior da Coruña continúa así a consolidarse como un espazo de encontro, aprendizaxe e benestar, no que a formación permanente se combina coa amizade e o desfrute compartido, demostrando que cumprir anos non significa deterse, senón seguir sumando momentos e vivencias.