A Unidade de Hepatoloxía do HULA recibe un certificado de excelencia pola súa loita contra a Hepatite C

A Unidade de Hepatoloxía do Servizo de Dixestivo do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) vén de recibir o Certificado de Excelencia na Implementación do Decálogo para a Eliminación da Hepatite C, un recoñecemento promovido pola Asociación Española para el Estudio del Hígado (AEEH) en colaboración coa compañía AbbVie. Este galardón, que recoñece o hospital lucense como único de Galicia, avala que a unidade cumpre rigorosamente os criterios establecidos no decálogo e nos indicadores asociados, garantindo medidas efectivas para avanzar cara á erradicación da hepatite C en España.
O Decálogo para a Eliminación da Hepatite C, elaborado pola AEEH xunto con sociedades científicas como a Sociedad Española de Patología Digestiva (SEPD), a Sociedad Española de Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica (SEIMC) e o Grupo de Estudo das Hepatitis Víricas (GEHEP), establece dez accións verificables para mellorar o diagnóstico, o cribado, o acceso ao tratamento, os procesos de micro-eliminación e o seguimento dos pacientes. A norma creada pola AEEH permite avaliar o cumprimento de cada principio e recoñecer con certificación de excelencia aos hospitais que alcanzan estes estándares, como o HULA.
A Unidade logrou este recoñecemento grazas ao traballo continuado no diagnóstico precoz, ao seguimento áxil e ao tratamento eficaz dos pacientes, así como á implantación de protocolos de cribado, á coordinación entre servizos e ao reforzo das accións de micro-eliminación. Estas medidas permiten identificar e tratar a persoas que aínda non foron diagnosticadas, avanzando cara ao obxectivo fixado pola OMS de eliminar a hepatite C en España para 2030.
O DECÁLOGO
- Diagnóstico nun só paso en todos os servizos de diagnóstico para probas anti-VHC positivas.
- Sistema eficaz de alertas para comunicar casos positivos ao médico solicitante e ás unidades responsables do tratamento.
- Derivación directa á atención especializada dos pacientes con infección crónica por VHC.
- Busca activa retrospectiva de casos positivos, desde polo menos 2015, e revisión periódica cada dous anos.
- Simplificación da avaliación pretratamento en pacientes con hepatite C crónica, con ou sen cirrose compensada.
- Simplificación da dispensación, favorecendo a entrega completa do tratamento nunha única visita.
- Cribado universal en pacientes de risco.
- Cribado en grupos seleccionados: embarazadas, pacientes en urxencias, prequirúrxicos e ingresados.
- Diagnóstico descentralizado e simplificado para poboacións vulnerables.
- Coordinación con centros de redución de danos para garantir o seguimento asistencial.