A unidade de pediatría do Hula acolleu un espectáculo de maxia

LugoXa
O festival Galicia Ilusioniona recala na unidade de pediatría do Hula para facer partícipes dos espectáculos aos rapaces que están ingresados.
Maxia Solidaria no hula
3 sep 2022

O festival Galicia Ilusioniona recalou na unidade de pediatría do Hula co fin de facer partícipes dos espectáculos aos rapaces e rapazas que alí están ingresados.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, asistiu á actividade, na que os pequenos desfrutaron dunha función de maxia de preto da man dos ilusionistas Dani Polo e Pedro Bugarín, directores do festival. Tamén estiveron a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, e o director de Procesos con Ingreso da área sanitaria, Fernando Fernández Lamelo, entre outras persoas.

Unha das vertentes da iniciativa é a Maxia Solidaria, que percorre as plantas de pediatría de diferentes hospitais galegos para achegar as actuacións aos nenos e nenas que non poden desprazarse ata os teatros ou salas.

A Xunta achega por toda a provincia diferentes espectáculos que teñen un dos seus pratos fortes na gala de maxia internacional que acolle este sábado ás 20.30 horas o auditorio Gustavo Freire da cidade de Lugo.

Algúns dos mellores magos do panorama internacional farán desfrutar aos asistentes da maxia de preto, escapismo, maxia de gran formato, telequinese, mentalismo, poesía máxica ou ilusionismo infantil. A gran gala máxica será o único espectáculo deste festival para o que se precise entrada, cun prezo único de 12 euros. As localidades están á venda na páxina web www.galiciailusiona.es.

As funcións son para todos os públicos e os protagonistas serán o coreano Hyun Joon Kim, Primeiro Premio Mundial de Manipulación; Jimmy Delp, de Estados Unidos, Premio ao Mellor Mago Cómico, que recrea situacións totalmente insólitas; Arno, de Francia, que ten un dos números máis aplaudidos e premiados da historia da maxia mundial; Huang Zheng, de China, Premio Anéis Máxicos, que presentará o seu galardoado número Aire, unha proposta coidada e poética que leva aos espectadores ao mundo da maxia oriental; e o
galego Dani Polo, Premio Ali Bongo, mago revelación europeo 2018. A súa especialidade son as grandes ilusións, persoas que aparecen da nada, voan ou se teletransportan.

0.11423301696777