A Unión de Radioafeccionados de Lugo organiza unha charla sobre radioafección en O Vello Cárcere

LugoXa
A actividade está aberta a toda a cidadanía e a entrada será de balde ata completar o aforo dispoñible
O-Vello-Cárcere-fachada
17 Jun 2025

A Unión de Radioafeccionados de Lugo celebrará o vindeiro sábado 21 de maio unha charla divulgativa sobre o mundo da radioafección.

O evento terá lugar nas instalacións de O Vello Cárcere, en Lugo, entre as 11 da mañá e as 14.00 horas. A actividade está aberta a toda a cidadanía e a entrada será de balde ata completar o aforo dispoñible.

A actividade ten como obxectivo dar a coñecer en que consiste a radioafección e achegar esta práctica ao público en xeral. Para iso, organizarase unha xornada dividida en dúas partes: unha parte teórica e outra práctica.

Na parte teórica contarase coa presenza de Domingo Molejón, enxeñeiro e presidente do Consello Territorial da Unión de Radioaficionados Españoles (U.R.E.) en Galicia que será o encargado de explicar os fundamentos desta afección. Abordaranse temas como que é a radioafección, cales foron as súas orixes e como comezou en España, os distintos sistemas e modalidades que existen dentro da radio, e tamén o proceso para chegar a ser radioafeccionado.

Na parte práctica estará Marco Acolado, radioafeccionado, socio da U.R.E.L., tesoureiro do Consello Territorial de Galicia e funcionario da Xefatura Provincial da Inspección de Telecomunicacións de Lugo, con máis de corenta anos de experiencia nesta afección, que amosará o funcionamento dunha estación de radio en remoto e explicará a operativa de como se leva a cabo unha chamada por radio, empregando os códigos que se usan na radioafección. Empregarase unha modalidade moderna que consiste en conectarse a través de Internet a un equipo que se atopa noutra localización, e desde aí realizar as transmisións. Durante a demostración, proxectarase nunha pantalla o funcionamento do equipo e realizaranse contactos reais.

Esta iniciativa busca achegar á sociedade o labor dos radioafeccionados, así como dar a coñecer a súa utilidade en situacións de emerxencia e como ferramenta de comunicación alternativa.

⚙ Configurar cookies
0.16986298561096