A Unión Europea confirma a inscrición definitiva da indicación xeográfica protexida Terras do Navia
O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica o regulamento de execución da Comisión que confirma a inscrición definitiva no Rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia, e que entrará en vigor en 20 días.
A IXP Terras do Navia -que foi solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia- amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello lucense da Fonsagrada -Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña-, noutras seis de Navia de Suarna -A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira- e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.
O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que ten acadado, basicamente no mercado galego e asturiano. Trátase de viños que reflicten os efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o factor humano que se concreta na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, así como na elección de variedades adaptadas ao medio.
Nesa liña os viños da IXP Terras do Navia elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.
Os viñedos deberán estar inscritos no rexistro vitícola e a recollida da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola Axencia Galega da Calidade