A USC acolle un curso de iniciación á arbitraxe de baloncesto
A USC e a Federación Galega de Baloncesto (Fegaba) reforzan a súa aposta pola formación en materia de arbitraxe federada para o alumnado universitario coa convocatoria dun curso de iniciación á arbitraxe federada especialmente orientado ao alumnado universitario do Campus de Lugo que se desenvolverá de xeito presencial e en liña desde o 28 de novembro ata o 5 de decembro.
A inscrición nesta actividade, estruturada en 62 horas de formación en liña e de xeito presencial e aberta tamén á participación da cidadanía en xeral, permanece aberta en liña ata o 27 de novembro. A convocatoria deste curso conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Centro Educativo Galén, que cede o uso do seu pavillón para o desenvolvemento da formación práctica. Unha vez completado o programa de formación, as persoas que a completen poderán incorporarse ao Comité Galego de Árbitros de Baloncesto na súa zona xeográfica correspondente, a fin de continuar coa dinámica formativa e deportiva.
O alumnado universitario que complete este curso de iniciación á arbitraxe federada de baloncesto poderá solicitar o recoñecemento de dous créditos ECTS. O programa de formación deseñado permitirá ao alumnado universitario entrar en contacto coas bases do traballo da arbitraxe e coas regras de xogo, a mecánica, sinalización e funcións específicas das persoas oficiais de mesa, así como na dinámica do Comité de árbitros e os seus integrantes. O profesorado está composto por profesionais da arbitraxe e oficiais de mesa con ampla traxectoria e ligazón co Comité Galego de Árbitros de Baloncesto, a FEB, ACB e FIBA.
Programa
A formación contará cunha parte teórica en liña que se impartirá os días 28, 29 e 30 de novembro de 17.00 a 21.00 horas, e cunha parte práctica presencial a celebrar en Lugo os días 2, 4 e 5 de decembro. Esta carga didáctica completarase cun total de 44 horas de prácticas en partidos reais entre o 8 de decembro e o 26 de marzo. As xornadas de formación práctica serán remuneradas, xa que se realizarán en partidos da Federación Galega de Baloncesto e sempre baixo a tutela de árbitros/oficiais de maior experiencia e cualificación. Para poder completar estas sesións específicas, por normativa legal, é imprescindible afiliarse con licenza da Federación Galega de Baloncesto.