A USC convoca 14 bolsas de iniciación á investigación para estudantes do Campus Terra

LugoXa
A USC convoca 14 bolsas de iniciación á investigación paraestudantes de último curso de grao e mestrado no Campus Terra
cactus
29 Xul 2022

A USC convoca 14 bolsas de iniciación en tarefas de investigación para estudantes que ao longo do próximo curso 2022-2023 estean a completar o último curso de grao ou estean matriculados nun mestrado impartido no Campus Terra. O obxecto destas achegas, financiadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia a través do convenio que regula o Campus de Especialización Campus Terra, pasa por favorecer a  investigación relacionada con calquera dos sete ámbitos de especialización do Campus Terra: Produción vexetal e agricultura sostible, Produción e saúde animal sostibles, Alimentación segura e saudable, Xestión forestal sostible, Novas tecnoloxías: TICs,ómicas..., Cambio climático ou Biodiversidade e infraestruturas verdes.

As bolsas, que contemplan unha dotación máxima de 6.208 euros brutos para o período comprendido entre outubro de 2022 e maio de 2023, poden solicitarse ata o 7 de setembro a través da sede electrónica da USC, segundo se recolle na resolución reitoral obxecto desta convocatoria. As persoas beneficiarias terán asignado un plan de investigación baixo a supervisión dunha persoa investigadora, a fin de que poidan adquirir así coñecementos e destrezas na área temática do seu proxecto, ademais de poder participar nas actividades científicas do grupo ao que se incorpore. A formación investigadora obxecto destas bolsas terá unha duración de 8 meses e realizarase en horario compatible coas actividades docentes.

As persoas interesadas en concorrer a estas bolsas de iniciación á investigación, cuxa concesión non exime do pago das taxas públicas por servizos académicos, poden formalizar xa a súa solicitude a través da sede electrónica da USC. Unha vez cumprimentados os formularios xa habilitados en liña, a documentación debe remitirse á Área de xestión da Investigación. O proceso de selección comprenderá unha única fase na que se seleccionará a persoa candidata, previa avaliación das solicitudes presentadas, que serán cualificadas cunha puntuación de entre 0 e 10 puntos. Os criterios de valoración conceden prioridade ao expediente académico con ata 8 puntos, mentres que o proxecto de investigación a desenvolver proposto recibirá un máximo de dous puntos, en función do seu grao de innovación, metodoloxía, adecuación temática co Campus Terra e nivel de transferencia.

A distribución das 14 bolsas ofertadas nesta convocatoria será de dúas por cada unha das áreas de especialización do Campus Terra, en función da elección das candidaturas. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, a Xerencia da USC poderá propoñer, de ser o caso, a publicación da relación de persoas solicitantes que constituirán unha lista de agarda por se hai renuncias de persoas beneficiarias da axuda.

Asemade, unha vez resolta a convocatoria, as persoas beneficiarias deberán presentar nun prazo máximo de tres días hábiles a documentación de aceptación expresa da axuda concedida.

0.15136408805847