A USC crea un grupo de traballo para elaborar unha proposta de titulacións para Lugo
María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, e Rosa Romero, directora da Escola Politécnica Superior, consensuaron unha estratexia con base na reflexión integral con perspectiva galega.
O goberno da Universidade, a través de María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, e a dirección da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPS de Enxeñaría), a través da súa directora Rosa Romero acordaron a conformación dun grupo de traballo, que comezará a súa actividade na próxima semana, co obxectivo de elaborar unha proposta integral de titulacións para a Escola. Este grupo estará conformado por membros do goberno da institución, da dirección da escola, así como do Campus Terra.
Esta proposta de actuación xorde como resposta a unha situación de incerteza sufrida na última década, logo da entrada en vigor do decreto autonómico 222/2011 que regula as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Este contexto normativo, afectado de xeito directo polas previsións contidas no Plan de Financiamento, impón condicionantes específicos para as titulacións dos campus periféricos, obrigando a unha reformulación individual da oferta e impedindo, en moitas ocasións, unha reflexión sosegada que evite tomar decisións precipitadas considerando que a opción interuniversitaria significa optimizar a oferta en todos os casos cando algunhas das últimas experiencias de implantación non o demostran así.
Dende a lealdade institucional que sempre caracterizou as actuacións da USC, López Couso acordou coa Secretaría Xeral de Universidades a ampliación do prazo para a revisión do actual mapa de titulacións (tanto títulos existentes como propostas de novos graos e mestrados) co obxectivo de poder propoñer esta reflexión integral e dar unha resposta adecuada a unha situación que afecta non só ao ámbito formativo, docente e investigador, senón a campo galego no seu conxunto.
Neste sentido, a USC traballa para construír un contexto de reflexión profunda sobre a esencia das titulacións, que debe partir do recoñecemento do carácter singular dos graos que garanta, ademais, a presencialidade da docencia, que forma parte do ADN da institución, así como sobre o papel do campus nos contextos lucense e galego, onde a súa singularidade e conexión cos sectores relacionados co agro, a gandería e o sector primario son primordiais.
A singularidade de Agrícolas, Forestais e Civil
O Campus de Lugo ten unha identidade indisociable da terra, do eido agrario e forestal, así como das actividades que se desenvolven ao abeiro destes sectores. É necesario partir da singularidade como esencia á hora de tomar decisións e protexer, de xeito decidido, a súa identidade para conseguir capitalizar un Campus único e esencial no mapa universitario galego.
Por este motivo, o 12 de abril do pasado ano 2022, a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización presentou ante a Secretaría Xeral de Universidades solicitude formal para o recoñecemento da singularidade do Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, do Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, así como do Grao en Enxeñaría Civil. Ante a ausencia de resposta por parte da administración autonómica, reiterouse a solicitude o 31 de marzo do presente ano 2023, comunicación que aínda non tivo resposta.
A necesidade do recoñecemento da singularidade para este grupo de titulacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría radica, por un lado, no seu carácter determinante para entender o Campus de Lugo. Trátase de titulacións habilitantes con fondas raíces na esencia do campus e o seu enfoque cara a terra. Por outro lado, no ámbito da investigación, o campus conta con axentes activos como o IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) e pronto se poñerá en marcha unha nova estrutura de investigación na que o goberno da USC está a traballar que afonde nesta singularidade do campus lucense en relación ao sector primario.
O Campus Terra, campus de especialización, como contexto
Non debemos esquecer que esta docencia, investigación e transferencia realízanse no marco do Campus Terra, proxecto que obtivo a acreditación como campus de especialización en 2022 como resultado do acordo entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Universidades, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, coa intención de transformar o campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade e equilibrio económico, social e medioambiental do uso da TERRA, que conta cunha aposta decidida en termos de financiamento, cunha achega de 4 millóns de euros por parte da administración autonómica.
Cómpre destacar que o Campus de Lugo é o único do sistema universitario público español no que conviven as titulacións habilitantes de enxeñaría agrícola, civil, forestal, industrial e veterinaria con profesorado e investigadores que xeran indiscutibles sinerxías e resultan capitais para o desenvolvemento sostible do país, así como para o progreso da sociedade.
Conexión entre a Universidade e as institucións e sociedade lucenses
É digna de mención, e tamén de agradecemento, a alta sensibilidade para coa Universidade e a súa comunidade que demostraron as institucións e sociedade lucenses durante os últimos días, manifestando nos medios de comunicación a importancia para o país que teñen as titulacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría á hora de capitalizar a sociedade da contorna. Neste sentido, a Universidade ten a convicción de que a Xunta de Galicia demostrará a receptividade necesaria cun tema capital para Galicia e para o campo galego coma é este.