A USC da a benvida aos alumnos con unhas xornadas cheas de actividades

LugoXa
A USC programa unhas xornadas de benvida para o novo alumnado cun amplo programa de actividades que se desenvolverán do 13 ao 15 de setembro
benvida usc portada
7 sep 2022

A USC dá a benvida ao alumnado universitario cun amplo programa de actividades culturais, deportivas, concertos, obradoiros, roteiros fotográficos e visitas guiadas que se desenvolverán do 13 ao 15 de setembro ao abeiro das xornadas de inicio de curso ¡#BenVidaUSC!, unha iniciativa a través da que se pretende informar da ampla oferta lúdica e de servizos que ten ao seu dispor o alumnado que está a cursar estudos universitarios nos campus de Lugo e de Compostela.

As xornadas ¡#BenVidaUSC! constitúen unha iniciativa que busca poñer en valor as potencialidades reais dos servizos que presta a USC á comunidade universitaria e dar a coñecer ao estudantado as diferentes alternativas que lles ofrece tanto a propia institución académica como a cidade de Lugo.

A actividade deportiva tamén será protagonista nesta iniciativa da USC, no marco da que diferentes espazos do Campus de Lugo e de Compostela acollerán diversas exhibicións de disciplinas ximnásticas e deportivas, ao tempo que se habilitarán espazos informativos nos que a Oficina de Deportes da USC dará conta da súa oferta para o presente curso.

As actividades programadas en Lugo terán como escenario distintos emprazamentos da sede universitaria así como da capital amurallada e desenvolveranse en quenda de mañá e tarde. Visitas guiadas á Domus do Mitreo, roteiros diurnos e nocturnos polo recinto histórico de Lugo e pola sede universitaria, ademais dunha cata nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) abren o 13 de setembro o programa ¡#Ben Vida USC! no Campus lugués no marco dunha xornada durante a que tamén se celebrarán aulas abertas de ioga, na Facultade Ciencias, e de defensa persoal, nas instalacións do CIFP Politécnico, ademais de conversas co profesorado do Centro de Linguas Modernas da USC na Facultade de Humanidades.

Haberá dous concertos gratuítos, a partir das 21.00 horas, na explanada de acceso á Facultade de ADE, a cargo de Bratzantifa e Nebra que completan o cartel do primeiro día das xornadas.

A programación organizada para dar a benvida ao novo alumnado matriculado na sede universitaria luguesa, pero aberta a toda a comunidade universitaria continuará o mércores e o xoves con roteiros nocturnos e de arte urbana pola cidade,  coloquios en idiomas estranxeiros, presentación de servizos e asociacións universitarias, obradoiros de baile tradicional, sesións de D’j e concertos, a partir das 20.00 horas, na explanada da Facultade de ADE, a cargo de As fillas de Cassandra, Grima e Son do Galpom. Antes desta velada nocturna, o alumnado interesado tamén poder participar nun encontro informativo con representantes de clubs deportivos de alto nivel.

Ao día seguinte, as xornadas ‘#BenVidaUSC!’ continuarán no Campus de Lugo con máis actividades lúdicas e informativas, así como coa presentación da programación teatral da USC e unha aula aberta de danza contemporánea.

actividades Benvida USC Lugo_0
0.15494012832642